Grupos


Calendario

<xuño de 2017>
lunsmarmérxovvensabdom
1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930
18/03/17

MARCHA LUCEIRO

Luceiro, o lobo mariño cincento que dende o día 9 de febreiro atopábase no IGAFA recuperándose, partirá o sábado día 18 de marzo para ser devolto ao medio natural en augas de Irlanda.

 

(Nota de prensa da CEMMA)

 

LUCEIRO CHEGA AO FINAL DA SÚA REHABILITACIÓN

 

Dende principio da tempada de lobos mariños, que vai de decembro a marzo, tívose constancia de varios exemplares observados preto da costa, así como algún capturado e tamén varado, ata un total de catro.

 

Na mañá do luns día 5 de decembro de 2016, a embarcación de Cedeira LUCERO 1 que faenaba a menos de quilómetro e medio de costa, por fronte de San André de Teixido, nas inmediacións da Punta Torroiba, levantou os aparellos coa sorpresa de atoparse enmallado nos miños un exemplar de lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) aínda con vida. Con coidado, foron quen de ceibalo das mallas e introducilo nun recipiente a bordo que dispón de auga, onde puido ser transportado ata o porto de Cedeira para avaliar os posibles danos que puidera ter.

 

Unha vez alertada a Unidade Móbil da CEMMA, recolleu o exemplar procedéndose a trasladalo á UCI de lobos mariños que a Rede de Varamentos de Galicia ten a disposición en Nigrán. Alí o equipo veterinario decidiu o seu ingreso para curarlle as feridas que presentaba, dando comezo aos labores de rehabilitación.

 

O lobo mariño Luceiro evolucionou favorablemente nas semanas da primeira fase da rehabiltación, e, unha vez superada, pasou ás instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura-IGAFA, na Illa de Arousa, para a segunda fase de recuperación. Alí chegou con 22 kg de peso e as feridas curadas. Nestas semanas, na piscina ao aire libre, gañou máis de 10 kg de peso, axilidade, forza e musculación. É por iso que agora, con máis de 33 kg de peso procédese ao seu embarque para poder ser liberado en mar aberto.

 

O embarque terá lugar o sábado día 18 de marzo as 10 h no porto de Marín e contarase coa participación, unha vez máis, do arrastreiro Ferreira Martínez que faena habitualmente no Grad Solé. Este é un barco habitual colaborador na liberación de lobos mariños no norte.

 

O LOBO MARIÑO TOPO

Case simultaneamente o arquipélago dos Açores era testemuña da visita inusual dos lobos mariños do norte, durante varios días as illas de Faial e Pico foron visitadas por un exemplar que rematou por recalar na freguesía do Topo, na illa de Sao Jorge.

 

A falta de unidades especializadas en rehabilitación deste tipo de fauna nas illas fixo que fora trasladado ao continente, sendo recollido polo Centro de Recuperación de Fauna Mariña de Quiaios-CRAMQ, na Figueira da Foz. Alí Topo gañou peso, e unha vez recuperado, collerá o camiño do norte. O mesmo sábado día 18 de marzo as 11 h o lobo mariño será embarcado no Pescaberbés 3, no porto de Vigo no que será trasladado, así mesmo, ao Grad Solé. 

 

Rede de Varamentos de Galicia

 

Rede de Varamentos de Galicia, baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia a través do convenio subscrito coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, que leva a cabo os traballos de asistencia e recuperación de fauna mariña ameazada.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

 

Agradecementos

Queremos agradecer a persoas que participaron na recollida e deste animal, especialmente ao profesorado e alumnado do IGAFA, así como ás tripulacións dos barcos Lucero 1; Pescaberbés 3 e Ferreira Martínez.

 

Recepción de medios de comunicación:

Os medios serán recibidos polo equipo técnico entre as 9:30 e 10:00 h no momento da chegada de LUCEIRO o porto e antes do embarque que terá lugar o sábado día 18 de marzo no porto de Marín ao pé do arrastreiro Ferreira Martínez. O horario será moi estricto por requerimento das faenas a bordo.