COÑÉCENOS

O IGaFA é actualmente o único Centro da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo. É un centro educativo dependente da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro (Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos-Xunta de Galicia) e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Foi inaugurado no ano 1992 e nel celebráronse inicialmente cursos de formación ocupacional en acuicultura ata o ano 1994, no que comezaron a impartirse os Ciclos Formativos de Formación Profesional Específica 'Técnico en Operacións de Cultivo Acuícola" (Grao Medio) e "Técnico Superior en Produción Acuícola" (Grao Superior). No ano 1999 incorporáronse as ensinanzas non regradas de mergullo profesional. No ano 2000 comezou a impartirse o ciclo de grao medio de acuicultura en réxime de adultos (ou Modular) e o Programa de Garantía Social "Operario Acuicultor". No ano 2001 implantouse o ciclo medio "Técnico en Mergullo a Media Profundidade". No curso 2003-2004, impartiuse o "Master en Innovación, Tecnoloxía da Produción e Xestión Acuícola (MITGA)".

IGaFA

Desde 2005 o IGaFA é o "Centro nacional de formación profesional ocupacional na área formativa de Acuicultura". O IGaFA dispón da certificación ISO 9001:2000 do Sistema de Xestión de Calidade.

O centro conta cunhas instalacións comúns para as ensinanzas de acuicultura e mergullo, con 11 aulas para impartir as clases teóricas, biblioteca, salón de actos, laboratorios de bioloxía e de ciencias, aula de audiovisuais e aula de informática.

Para a ensinanza específica de acuicultura conta cunhas instalacións de cultivo de 1.175 m2 con tódalas seccións necesarias para realizar o acondicionamento dos reprodutores, incubación, cultivo larvario, alimentación larvaria (fitoplancto e zooplancto) e preengorde das diferentes especies cultivadas. Esta sección distribúese nas áreas de cultivos auxiliares, cultivo de peixes, cultivo de moluscos e cultivo de crustáceos. Ademais, ten catro laboratorios dotados con material óptico necesario para o bo desenvolvemento das prácticas dos ciclos de acuicultura, así como un obradoiro de instalacións de cultivos mariños. A estas dotacións hai que engadir unha batea para o cultivo de moluscos, dúas gaiolas (unha para o engorde de peixes e outra para crustáceos) e un parque intermareal cedido pola Confraría de Pescadores de A Illa de Arousa. No recinto exterior do Centro ubícanse tamén dous minicriadoiros de moluscos, un invernadoiro para piscicultura continental e as instalacións de cultivo do "Plan de Repoboación de Especies Mariñas do Litoral Galego".

IGaFA

Para as ensinanzas de mergullo profesional cóntase con salas equipadas e os materiais e instrumentos máis modernos, ademais de piscina interior, foxo-piscina exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases, campo de prácticas no mar, etc..

Completan as instalacións e equipamentos unha sala de acuarioloxía, un obradoiro de soldadura, un obradoiro de mecánica e varias embarcacións.